Sunday 07 de July de 2024

San Sadurniño reivindicará o venres e o sábado a liberdade de ser e sentir


O Concello e a Asociación Cultural Brío promoven varias actividades co gallo do 28X, Día Internacional do Orgullo LGTBI+

O 28 de xuño celébrase o Día Internacional do Orgullo LGTBI, unha xornada marcada por manifestacións, actividades culturais e eventos en todo o mundo que reivindican a igualdade, a dignidade e o respecto para a comunidade LGTBI, lembrando a histórica loita iniciada cos disturbios de Stonewall en 1969 e subliñando a importancia de continuar avanzando cara a unha sociedade máis inclusiva e diversa. A Área de Igualdade de San Sadurniño promove o venres e o sábado dúas xornadas de celebración das diversidades sexuais e afectivas e, sobre todo, de reivindicación da plenitude de dereitos de quen é libre de sentirse e amar como queira.

As accións colectivas, organizadas en colaboración coa Asociación Cultural Brío, comezan o venres pola mañá co izado ás 10:00h da bandeira do arco da vella diante da casa consistorial. No acto tamén se lerá o manifesto institucional con motivo do 28X.

Ese mesmo día a partir das 11:30h terán lugar no local social de Lamas dous obradoiros para a cativería divididos por idades. No dirixido ás nenas e nenos máis pequenos fabricarán papaventos con cintas de cores e axóuxeres, mentres que a rapazada de maior idade deseñará un atrapasoños. As actividades estarán titorizadas pola axente municipal de Igualdade, Oriana López, e por Sara Bellón, integrante de Brío, quen lles contará un conto arredor do respecto e das liberdades de ser e sentir.

Estas actividades son gratuítas e teñen prazas limitadas, polo que será necesario inscribirse a través do 695 876 178 ou do correo oriana.lopez@sansadurnino.gal.

Na xornada principal do Día do Orgullo, o Concello tamén publicará en Facebook e Youtube un novo capítulo do videopodcast “Falando sen cancelas”, protagonizado nesta ocasión pola educadora social e activista LGTBI Patricia Freire. Con ela conversarán a técnica de Igualdade e Regina Cinza -membro de Saraibas, da Asociación Bidueiro e dinamizadora cultural- para mostrar como foi mudando dunhas xeracións a outras (se é que o fixo) a percepción social da diversidade afectiva.

Contacontos o sábado
As actividades do día internacional finalizarán o sábado co espectáculo familiar Rosa e Azul, ao que poderemos asistir a partir das 11:30h no adro do Convento do Rosario. Trátase dunha proposta especialmente indicada para crianzas de entre 3 e 8 anos. A través de contos e pequenas historias celebrarase a diversidade LGTBI+ rachando cos estereotipos de xénero e o binarismo que consciente ou inconscientemente nos vén imposto ao pouco de nacermos.

Rosa e Azul é unha montaxe de Victoria Pérez e Manu Fernández. Ambos integran a compañía Pérez&Fernández, responsable de pezas relacionadas coa igualdade, así como da adaptación teatral de textos de Roal Dahl ou da obra Os nenos da varíola, de María Solar.

O Concello convida a sumarse á celebración do 28X
O Día do Orgullo LGTBIQ+ é unha data que conmemora a loita histórica e continua polos dereitos das persoas lesbianas, gais, bisexuais, transexuais, intersexuais e, en definitiva, a reivindicación do respecto e a igualdade de todas as diversidades sexuais e afectivas.

Esta xornada ten a súa orixe nos disturbios de Stonewall, acontecidos en Nova Iorque en 1969, onde un grupo de persoas se rebelou contra as constantes redadas e abusos policiais, marcando un punto de inflexión no movemento polos dereitos LGTBI. Desde entón, cada 28 de xuño convértese nunha oportunidade para reivindicar a igualdade, a dignidade e o respecto para todas as persoas, independentemente da súa orientación sexual ou identidade de xénero.

A celebración do Día do Orgullo LGTBI non só inclúe manifestacións e desfiles coloridos, senón tamén numerosas actividades culturais, conferencias, exposicións e actos de sensibilización en todo o mundo. É un día para lembrar os avances conseguidos ata agora, pero tamén para recoñecer os desafíos que aínda persisten e renovar o compromiso coa loita polos dereitos humanos.

Vilas, cidades e pequenos concellos vestirán as cores do arco da vella, símbolo da diversidade, a inclusión e da reclamación dun futuro libre de discriminación. Hoxe, máis ca nunca, é fundamental promover unha sociedade onde a diversidade sexa motivo de orgullo e non de rexeitamento. Por iso, desde o Concello de San Sadurniño convídase a toda a veciñanza a participar nas actividades programadas, a informarse (educarse en moitos casos) sobre a realidade LGTBI e a sumarse ao movemento global que busca un mundo máis xusto e igualitario para todas as persoas, sen excepcións.

Deja un comentario